Que é a certificación ComDix?
É a certificación galega en competencias dixitais promovida pola Administración galega e que certifica o nivel que ten unha persoa para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social e profesional. Esta certificación ten como referente o Marco galego de competencias dixitais, alienado co Marco europeo DigComp na súa versión 2.2.
Para que?
Servirá para demostrarlle a calquera institución, empresario ou persoa o noso nivel de aptitude no uso das tecnoloxías dixitais coa dobre finalidade de:
- motivar á cidadanía na aprendizaxe e manexo das TIC mediante a obtención dun certificado que acredite os seus coñecementos e mellore a súa empregabilidade;
- facilitarlles ás entidades públicas e privadas provedoras de emprego (empresas, administracións públicas, etc.) dun mecanismo para poder avaliar obxectivamente as competencias dixitais das persoas que se incorporen ás súas organizacións.
Para quen?
Calquera persoa maior de 16 anos.
Como certificarse como cidadán en ComDix?
A través da Rede CeMIT Competencias dixitais Rede CeMIT
Máis sobre o Marco galego de competencias dixitais:
O Marco galego de competencias dixitais determina os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade usuaria de servizos dixitais avanzados, mellora profesional e benestar colectivo; así pois pódese tomar como unha referencia inspiradora para múltiples definicións e usos prácticos en ámbitos profesionais e formativos, en recursos humanos, en ámbitos institucionais ou de recoñecemento non formal.
Asemade o Marco establece o que é ser dixitalmente competente, especificando 5 áreas de dominio (Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Contorna dixital e resolución de problemas) e as 21 competencias que cómpre adquirir para poder desenvolvernos na contorna dixital; tamén establece 4 niveis de aptitude para cada unha desas competencias (Iniciación, Intermedio, Avanzado e Especializado), de xeito que se configura un modelo de adquisición gradual que ten en conta as necesidades persoais, sociais e profesionais das persoas.

Este sitio web emprega cookies